Organización dos Grupos de Colaboración

No marco do Plan de Convivencia posto en marcha no noso centro, durante o curso 2023-2024 desenvolveuse unha formación en mediación dirixida ás familias. Esta formación, de carácter continuo, realizouse en paralelo á que levou a cabo o claustro e tamén o alumnado, dentro das actuacións orientadas á mellora da convivencia escolar.
Unha das conclusións máis valiosas desta experiencia foi o compromiso compartido entre familias e profesorado para crear espazos de colaboración estable. Froito dese compromiso xurdiu a proposta de constituír comisións de traballo conxuntas, que permitisen avanzar en diferentes ámbitos da vida escolar de maneira coordinada e participativa.
A iniciativa foi presentada ao Consello Escolar no curso seguinte e recibiu o seu aval, acordandose a súa posta en marcha co apoio da ANPA e coa coordinación da dirección do centro, co obxectivo de facer das comisións de traballo un instrumento clave para fortalecer a convivencia, fomentar a participación e construír unha comunidade educativa máis cohesionada e comprometida.
As comisións teñen como finalidade facilitar a participación activa da comunidade educativa en temas concretos que precisan atención, organización ou seguimento, sempre en beneficio da escola pública e do alumnado. Cada comisión céntrase nun ámbito específico —formación, biblioteca/manitas, necesidades da escola pública e atención á diversidade— sendo grupos abertos a todas aquelas persoas que manifesten o seu desexo de colaborar. O seu traballo é recoñecido e avalado polo Consello Escolar, que é o máximo órgano de representación académica.
Para favorecer a comunicación e a coordinación, créanse grupos de WhatsApp vinculados a cada comisión, ademais dun grupo xeral para notificacións e información común. Estes grupos son ferramentas de apoio, non fins en si mesmos: o seu obxectivo é facilitar o intercambio de información, ideas e propostas, sempre desde o respecto, a confianza e a responsabilidade compartida.
Para que a inclusión nos grupos de WhatsApp poda realizarse é imprescindible cubrir o seguinte formulario e aceptar as condicións:
Agradecemos de corazón a implicación de quen decide participar con responsabilidade, confiando en manter que estas comisións sexan un espazo de encontro, respecto e traballo compartido, sempre en beneficio das nosas nenas e nenos.
