28F: Chegou o momento!

27.02.2026

Prezadas familias:

📣 Mañá, sábado 28 de febreiro é o gran día que levamos meses preparando. O día no que toda a nosa comunidade educativa sairá á rúa para defender o que é irrenunciable: o futuro das nosas fillas e fillos 👧🧒. Non imos pedir favores. Imos reclamar dereitos. Imos dicir alto e claro que a educación pública non se toca, non se recorta e non se deixa caer.

📍 A manifestación conxunta iniciará ás 11:00 h. na Praza de Ourense, en dirección á explanada do Parrote. Se podedes ir antes, as familias do Ramón quedamos na praza de Galicia (ás 10:30 h.), para ir desde alí, polas beirarrúas, ata a Praza de Ourense, onde nos sumaremos ao resto dos colexios participantes para iniciar a manifestación.

Este sábado, o Ramón de la Sagra 💙 únese a máis de 200 ANPAs e comunidades educativas da provincia da Coruña nunha mobilización que xa está tendo unha repercusión mediática enorme 📺🔥. Pero a verdadeira forza non está nas cámaras. Está en nós. Nas familias. Nas nosas nenas e nenos. Na nosa presenza.

No noso centro, os recortes tradúcense nunha falta grave de profesorado de apoio. Isto non é unha idea abstracta: afecta cada día ás nosas nenas e nenos, ao seu benestar, ao seu dereito a aprender en igualdade. A Consellería non pode seguir mirando para outro lado.

As capas, os brazaletes e as cores son un símbolo. O que realmente importa é o que representan: comunidades educativas que non se renden, que non calan, que non aceptan que xoguen co futuro. Podedes levar as vosas capas ou acudir sen elas. O esencial é estar, sumar, camiñar, facernos ver e escoitar. Lograr unha asistencia masiva.

Non é un día máis. Non é unha protesta máis. É o momento no que dicimos:

✋  Xa está ben. Deixade de xogar co seu futuro. 👧🧒

❤️Lembrade que é unha manifestación, polo que vai haber ruído. As nenas e nenos con especial sensibilidade ao ruído, acudide cos vosos cascos 🎧