Xuntas facémonos escoitar: mobilización provincial pola educación pública

06.02.2026

📣 Prezadas familias:

✨Desde a ANPA comunicamos, en nome de toda a Comunidade Educativa do Ramón de la Sagra, a participación na xornada de mobilización convocada pola Federación de ANPAs o sábado 28 de febreiro. A mobilización comezará ás 11:00 h na Praza de Ourense e rematará na explanada do Paseo do Parrote, onde está prevista unha actividade final arredor das 13:30 h.

⚠️Trátase dunha mobilización contra as medidas e políticas da Consellería que están a provocar recortes en profesorado e persoal coidador, afectando directamente ao día a día das nenas e nenos. É unha acción que une ás ANPAs da cidade e da provincia da Coruña nunha resposta colectiva.

👩‍🎓Son moitas as necesidades non cubertas nas escolas públicas, tanto materiais como humanas, que colocan o alumnado nunha situación de vulnerabilidade e o profesorado nunha situación límite para poder atender as necesidades das nenas e nenos.

🤝Na nosa comunidade educativa, tras aprobarse no Claustro e no Consello Escolar, tomouse a decisión de sumarnos a esta mobilización, convencidas de que só en bloque podemos acadar melloras reais, especialmente despois de que os informes presentados pola equipa directiva, o equipo de orientación e a ANPA non obtiveran resposta por parte da Consellería

💪Así que agora é o momento de mobilizarnos toda a Comunidade Educativa do Ramón, xunto con outras escolas públicas, para defender os dereitos das nenas e nenos e unha escola pública de calidade e calidez. Xa demostramos en numerosas ocasións que cando a nosa comunidade se une, consegue avances reais

✔️ fixémolo coa retirada segura do amianto
✔️ fixémolo cando faltaba profesorado de catálogo
✔️ fixémolo mobilizando creatividade e entusiasmo ata gañar —por dúas veces— os Orzamentos Participativos.

🧙‍♀️A experiencia dinos que somos unha comunidade forte, organizada e capaz de mover montañas se o facemos xuntas.

🧩Tras xuntarnos os grupos de colaboración (mestras, mestres e familias), deseñamos unha folla de ruta que agora compartimos con todas as familias do Ramón, seguras de que imos contar con todas vós:

📆 Xoves 12 de febreiro ⏰ 18:00 h 📍 Biblioteca do cole

📌Convocamos a todas as familias, coas nenas e nenos, a unha xuntanza informativa o xoves 12 de febreiro ás 18:00 h, na biblioteca, onde explicaremos a información e a folla de ruta establecida para poñernos en marcha e xuntar sinerxías.

🦹‍♂️A temática da mobilización é superheroes, así que vos animamos a aproveitar este tempo de entroido para preparar unha capa para cada membro da familia, de cores diversas, como as nosas nenas e nenos e como a nosa escola.

🌈Á volta do entroido realizaremos obradoiros para personalizar capas, facer complementos e elaborar pancartas:

📆 Luns 23 de febreiro ⏰ 18:15 h 📍Biblioteca do cole 

📆 Luns 25 de febreiro ⏰ 18:00 h 📍 Biblioteca do cole 

🧵Cada familia pode traer as súas capas e, se o desexa, algo de merenda para compartir entre todas e todos. 

🫂 Só podemos conseguilo coa vosa presenza e implicación 🙏 Contamos con todas 💪 Vémonos o xoves 12 🫶