
Información de peche de curso 2024-2025 e datas importantes próximo curso. Bo verán!
Prezadas familias:
Moitas grazas pola vosa presenza e asistencia multitudinaria á festa de fin de curso. Grazas á vosa participación responsable e cívica, compartimos unha tarde de festa continua, na que tamén houbo lugar para as emocións, coa homenaxe aos nenos e nenas de sexto, que deixan atrás unha etapa no noso colexio. Agardamos que nos seus corazóns quede para sempre a pegada da nosa comunidade educativa. Tamén houbo un lugar para o recoñecemento e entrega do trofeo ao alumnado participante no Coruña Corre.
Agradecemos un ano máis poder contar coa presencia de Juego Sucio, que contaxiaron a súa enerxía e paixón a todas as familias. Que viva a música en directo! Moitas grazas tamén a todos os educadores e educadoras e, como non, ás mestras e mestres e ao alumnado e ás familias de quinto, que arrasaron co seu posto de productos da horta e que nos repartiron unhas fantásticas merendas. Empeza con moi bo pé a recollida de fondos para a súa festa de fin de curso o ano que ven. Agora tócavos a vós!
Do mesmo xeito, agradecemos a asistencia á grande inauguración do noso novo patio, que tivo lugar o pasado venres 13 de xuño.
Queremos desexarvos un bo verán, pero non sin antes infomarvos dos seguintes temas e datas importantes:
- Desde este luns 23 de xuño está aberta a alta/renovación de familias socias da ANPA para o curso 2025-2026. Animámosvos a deixalo feito antes de desconectarvos de todo, que logo chegan as festas e as presas de última hora.
- Convocamos a toda as familias á XUNTANZA INFORMATIVA DE ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES PARA O CURSO 2025-2026, que terá lugar o vindeiro luns 30 de xuño ás 16:30 h. na biblioteca do centro. Este ano, para que poidades planificarvos mellor, adiantamos a información e publicamos o cadro previsto de Actividades Extraescolares. A información estará na nosa páxina web unha vez se aprobe en Consello Escolar.
- Dende a ANPA asumirase a merca de libros de texto de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria que non se concedan no fondolibros, tal e como se ratificou na última asemblea de socios. Prestade atención á publicación do formulario para solicitalos.
- A alta/renovación dos servizos de comedor e madrugadores poderá facerse a partir da segunda quincena de xullo. Informaremos puntualmente na web.
- Para dar a benvida ás novas familias que formalizan a matrícula por primeira vez no noso centro, convocamos unha xornada de presentación de espazos o vindeiro 1 de xullo ás 17:00 h. Están convidadas todas os nenos e nenas de nova incorporación e as súas familias.
Aproveitamos para compartir cos vós unha pequena galería de fotos da festa do venres e da inauguración do patio, que agardamos sexa do voso agrado. Moi boas vacacións e cargade as pilas porque xa queda un día menos para un novo curso 2025-2026.