
Despedida alumnado de 6º e recordatorio festa de fin de curso
Prezadas familias:
Mañá remata o curso, e con el pecha unha etapa inesquecible para o alumnado de 6º de Primaria. Será un día especial, cargado de emocións, no que homenaxearemos a estes mozos e mozas que se despiden do que foi, durante anos, o seu segundo fogar. Foron moitas as aprendizaxes, as amizades, os xogos e as risas compartidas, as vivencias que lles foron construíndo o camiño. Deixan atrás aulas, corredores, mestres, compañeiros e compañeiras... pero sobre todo, deixan unha fonda pegada no corazón deste cole. Levan consigo lembranzas imborrables e sementan ilusións novas cara ao futuro que lles vén.
Por iso queremos animar a todas as familias que recolledes aos vosos fillos e fillas ás 14:00 horas a unirse nesta despedida tan especial. Convidámosvos a formar parte dun corredor de aplausos cheo de emoción, alegría e moito orgullo, no que lles amosaremos, entre todas e todos, canto os queremos e o moito que significan para este cole.
Noraboa, promoción de 6º. Que a nova aventura do instituto vos agarde cos brazos abertos.
E para culminar este día tan especial, lembrámosvos que pola tarde celebraremos no patio do colexio (a previsión meteorolóxica é favorable) a festa de fin de curso organizada pola ANPA. Será o colofón perfecto para despedir este marabilloso curso escolar como se merece, compartindo entre todos un momento de celebración e alegría.
Agardámosvos!