Documentación da Sesión informativa familias de 5º e 6º de Primaria: Obradoiro Ciberseguridade e menores conectados

06.03.2026

Prezadas familias:

Como sabedes, este martes 3 de marzo, celebramos no centro unha sesión formativa dirixida ás familias de 5º e 6º de Primaria, impartida por David Bascoy, consultor da Amtega en concienciación de ciberseguridade.  A actividade abordou cuestións tan relevantes como os riscos dixitais para os menores, a xestión do tempo de pantalla e os recursos dispoñibles para acompañalos con seguridade no seu uso da tecnoloxía 👨‍💻

Sabemos que as familias que puidestes asistir compartistes o necesario e productivo da asistencia a este tipo de sesións. Estamos convencidos de que moitas nais e pais non puideron achegarse, non por falta de interese, senón porque os horarios e as obrigas do día a día ás veces non o permiten. Precisamente por iso queremos abrir agora estes materiais non só ás familias de 5.º e 6.º, senón a todas aquelas que desexen informarse e aprender un pouco máis sobre este tema tan importante.

Poñemos á vosa disposición a documentación facilitada durante o obradoiro, para que poidades consultala cando mellor vos encaixe e aproveitar os recursos que ofrece. A educación dixital é un reto común, e estes recursos poden resultar de gran utilidade.