Formación conxunta familias e profesorado
Un paso máis no camiño compartido
Prezadas familias:
No marco do Plan de Convivencia do centro, e como continuidade natural da formación en mediación iniciada hai dous cursos, anunciamos con moita ilusión unha nova proposta formativa aberta a todas as familias e ao profesorado. Trátase dun paso máis no traballo conxunto que vimos desenvolvendo e que deu lugar ao nacemento das actuais comisións de colaboración, un espazo onde profesorado e familias compartimos proxectos, aprendizaxes, reflexións e accións para mellorar o centro no día a día. Esta proposta nace coa vontade de seguir fortalecendo a colaboración entre profesorado e familias, compartindo unha mesma linguaxe e un mesmo enfoque para acompañar ao alumnado.
Formación en Comunicación Non Violenta (CNV)
A Comunicación Non Violenta, ou comunicación empática, foi desenvolvida por Marshall B. Rosenberg como unha metodoloxía que promove a empatía, a conexión honesta e o coidado das relacións. Axúdanos a expresarnos desde os sentimentos e necesidades, evitando aquelas formas de comunicación que xeran culpa, vergoña, xuízos ou esixencias, e que tantas veces están na base dos conflitos.
Na escola —e tamén nas nosas casas— atopamos a diario situacións nas que estas ferramentas poden marcar unha diferenza real: mellorar a escoita, aprender a poñer límites, resolver conflitos sen danar a relación, acompañar emocións difíciles ou comunicarnos con máis claridade e respecto.
Obxectivos da Formación
- Construír relacións persoais satisfactorias baseadas no respecto, a compaixón e a cooperación.
- Resolver conflitos sen deteriorar os vínculos.
- Aprender a dicir "non" e a aceptar o "non" doutras persoas.
- Xestionar sentimentos como culpa, medo ou vergoña.
- Desenvolver a capacidade de escoita profunda e empatía.
Contidos das Sesións
A formación estrutúrase en tres sesións prácticas, nas que abordaremos:
1. Fundamentos da CNV: aprender e practicar esta linguaxe na casa, na escola e en calquera contorno.
2. Expresións cotiás que non funcionan… e como transformalas:
- Na familia: como falar para que nos escoiten e como escoitar para que queiran falar connosco.
- No traballo e entre iguais: como practicar o "non" cando é necesario e como xestionar a rabia ou a culpa.
3. Diálogo e resolución de conflitos: poñer límites, expresar agradecemento e recoñecemento, e abrir unha nova mirada sobre a convivencia.
A formación será impartida por Mercedes Sierra, avogada, mediadora, e facilitadora de Grupos e Organizacións.
🗓 Datas e duración
Cada sesión terá unha duración aproximada de 2 horas terá lugar os seguintes días, en horario de 17:30 a 19:30:
- Xoves 29 de xaneiro
- Mércores 25 de marzo
- Mércores 20 de maio
💶 Prezo
O prezo da actividade, que consta de 6 horas distribuidas nun total de 3 sesións, será de 10 € para as familias socias e de 15 € para as familias non socias da ANPA. O prezo é por familia, independentemente do número de participantes na formación.
Ademais, para que poidades conciliar, haberá servicio de canguraxe, con educadores e educadoras para as nenas e nenos das familias que se inscriban.
📝 Inscricións
Para poder participar é preciso realizar a inscrición no seguinte formulario e abonar a cota correspondente na conta bancaria da ANPA (IBAN: ES24 2080 0068 71 3040003024), indicando no concepto FORMACION e os apelidos da familia. Unha vez realizado, podedes enviar o xustificante ao mail da ANPA (anparamondelasagra@gmail.com):
As prazas son limitadas. En caso de acadarse o máximo de inscricións, farase un sorteo.
Mantemos a inscrición aberta ata o mesmo día 29 de xaneiro ás 15:00 h.

