Actualización protocolo de comedor

08.06.2022

Prezadas familias:

Como xa saberedes, durante esta semana implementáronse cambios no protocolo de comedor, encamiñados a acadar un maior benestar dos nosos nenos e nenas.

Aplicando a normativa vixente que indica que só se deben manter os grupos burbulla de convivencia durante o tempo que permanecen no acto da comida, os nenos e nenas poden xogar libremente no patio e relacionarse entre eles independentemente do seu grupo, unha vez finalizan a súa quenda de xantar, do mesmo xeito que xa están facendo tamén nos recreos en horario lectivo. Para facilitar esta transición repúxose material lúdico, como balóns, xiz de cores, diferentes tipos de raquetas, gomas de saltar, etc. Este material ponse a disposición do profesorado e das monitoras e monitores, para que poda empregarse indistintamente co obxectivo de lograr espazos de maior calidez na estancia dos nenos e nenas.

Asemade, recupérase o lavado de dentes posterior ao xantar como hábito e rutina esencial  para a súa saúde bucodental, podendo levar un estoxo con dentífrico e cepillo de dentes.

Agardamos que coa aplicación destas melloras, os nenos e nenas podan ter un remate de curso o máis feliz e normal posible.

Moitas grazas.