O Ramón Corre: Cuarto Ano Consecutivo Campión do Circuíto Coruña Corre!
🎉 No CEIP Ramón de la Sagra sentimos unha enorme ilusión cada vez que a nosa comunidade se une. Xa sexa aprendendo, celebrando ou participando en actividades como o circuíto Coruña Corre, queda claro que cando nos movemos na mesma dirección, como unha auténtica familia, somos capaces de lograr cousas extraordinarias. Este ano volvemos facelo: por cuarta vez consecutiva, o noso colexio proclamouse gañador na clasificación xeral do circuíto de carreiras populares Coruña Corre. Un logro que enche de orgullo a toda a comunidade educativa e, moi especialmente, ao noso alumnado, que segue demostrando que non hai obxectivo que se lles resista 🏆
O pasado venres 20, na XII Gala de Entrega de Trofeos de Coruña Corre, os nosos pequenos e pequenas grandes atletas subiron ao escenario para recibir o recoñecemento que tanto merecen.
🏃♀️ Un Colexio Unido que Corre xuntos
No Ramón, o deporte é moito máis ca movemento: é unha maneira de convivir, de sumar esforzos e de crear lazos. Algúns dos nosos alumnos e alumnas participan no circuíto Coruña Corre representando aos seus clubes, pero tamén ao noso colexio, demostrando en cada carreira que cando se comparte un obxectivo, o camiño faise máis doado e máis emocionante.
Conseguir liderar durante catro anos seguidos a clasificación xeral na categoría de centros educativos non é só un éxito deportivo; é a proba da implicación, a constancia e a unión que caracterizan á nosa comunidade educativa. Agora encaramos a nova edición cunha ilusión renovada e co desexo de seguir acumulando puntos. O quinto ano consecutivo está ao noso alcance, e imos a por el con toda a enerxía.
📢 Nova Edición: As inscrición abriranse en breve
A XIII edición de Coruña Corre 2026 arranca o 14 de marzo coa Carreira Popular Torre de Hércules. Cando se abran as inscricións, lembrade seleccionar o noso centro, CEIP Ramón de la Sagra, para continuar sumando puntos e manter vivo o noso espírito de equipo e superación. É importante anotarse no circuíto completo, non só na carreira individual, independentemente de cantas probas poidades realizar. Só así sumaredes puntos para o cole.
👉 Inscríbete aquí: https://corunacorre.com/es/web/evento/3210/
👕 "O Ramón Corre" Vai Máis Alá das carreiras
Baixo o noso lema "O Ramón Corre", contamos con camisetas creadas especialmente para esta iniciativa, dispoñibles por encarga previa en V.D Serigrafía https://maps.app.goo.gl/cyWkqQ9V7FJvFhLw5
Estas pezas mon son só unha equipación, son un simbolo da forza que temos cando imos da man, da ilusión compartida e do sentimento de pertenza a unha comunidade que avanza unida en cada paso.
🎥 Un Momento para Recordar
Compartimos convosco algunas fotos da gala e da entrega do trofeo, que foi recollido por unha pequena delegación do alumnado participante (algúns e algunhas aínda cos disfraces da nosa festa de entroido 🤭). Un momento inesquecible que queremos que inspire a máis alumnos e alumnas a unirse ao circuíto e sumar ao equipo.
Ligazóns prensa 👇
🙌 Sumádevos a Participar nesta aventura!
Queremos dar as grazas a todas as familias e ao alumnado que fan posible este proxecto tan especial. Chega o momento de renovar a ilusión e apostar de novo pola próxima edición do Coruña Corre. Seguimos avanzando xuntos, acumulando puntos, esforzos e alegría compartida. Este ano temos un obxectivo claro e apaixonante: conquistar o quinto trofeo consecutivo.
💪 Corremos polo Ramón, corremos en familia!

