Purificadores de aire para as aulas

Queridas familias,

En resposta á solicitude dunha familia con relación á implantación de sistemas de purificación de aire nas nosas clases, e despois de todas as noticias que apareceron na prensa nos últimos días, contactamos con diferentes provedores e buscamos información técnica ao respecto, e resumímosvos a continuación varios aspectos a ter en conta:

  • O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), o Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da Auga (IDAEA), o Ministerio de Ciencia e Innovación, e Mesura, publicaron neste mes de outubro unha "Guía para ventilación en aulas". Na devandita guía recoméndase como mellor solución a ventilación natural (preferentemente a ventilación cruzada), pero cando esta non é posible, ou non é suficiente, propón como solución alternativa a utilización de purificadores de aire, uns dispositivos que eliminan as partículas susceptibles de conter virus do aire do interior das aulas.
  • Dentro dos purificadores de aire, na guía do CSIC recoméndase os dispositivos con sistema de filtración con filtros HEPA (High Efficiency Particulate Air), e en concreto, os filtros HEPA H13 ou superior (cunha eficiencia >99,95% para partículas de 0,3 µm).
  • Para purificar e eliminar as partículas en suspensión, son necesarias renovacións de aire por hora, que se denomina polas súas siglas ACH (Air Changes per Hour).
  • En caso de utilizar un purificador de aire nas aulas, as renovacións de aire por hora sería a suma das renovacións que proporciona a ventilación natural, máis as renovacións de aire que proporciona o purificador:

ACH total = ACH ventilación + ACH purificador

  • Nas nosas aulas descoñecemos as renovacións de aire que se producen por medio da ventilación natural (xanelas e portas). Poderíase facer unha estimación a través de medidores de dióxido de carbono (CO2), pero o centro non dispón deles. Segundo a guía do CSIC, baseándose na Guía da Universidade de Harvard, o recomendable serían 5-6 renovacións de aire por hora para aulas de 100 m2 con 25 estudantes (as nosas aulas son de 42 m2).
  • Outra forma de medir a ventilación necesaria son os litros de aire por persoa e segundo, segundo o CSIC un valor adecuado para reducir risco de contaxio serían 14 litros por persoa e segundo. Para as aulas do noso colexio, o resultado sería o seguinte:

ACH = 14 l/p/s x 25 p = 350 l/s = 1.260 m3/h

É dicir, nas nosas aulas, considerando 25 persoas no seu interior, o ideal sería que se renovasen eses 1.260 m3/h. Cada aula ten un volume de 138,6 m3 (42 m2 x 3,3 m), polo que o ideal serian unhas 9 renovacións de aire por hora.

  • Analizados os dispositivos recomendados por distintas empresas subministradoras (ver orzamentos na táboa ao final), e considerando que proporcionan un caudal máximo de renovación de 500 m3/h, estariamos a falar que estes purificadores proporcionarían 3,6 renovacións de aire por hora. Por tanto, para conseguir as 9 renovacións por hora necesarias nas nosas aulas, a ventilación natural debería proporcionar máis de 5 renovacións por hora, ou irse a 2 dispositivos por aula (co consecuente incremento de prezo).

Á vista do exposto, a directiva deste ANPA considera que hai unha gran incerteza en canto á calidade da ventilación que se está facendo nas nosas aulas. Evidentemente, unha ventilación natural cruzada con xanelas e portas abertas durante as horas lectivas, sería a mellor maneira de renovar o aire das aulas, minimizando o risco de contaxio nas mesmas. Pero a climatoloxía que temos na nosa cidade non permite que se poida ventilar tanto como sería desexable, e é necesario un equilibrio entre a necesidade de ventilación e o necesario confort que deben soportar os nosos alumnos. Por esta razón, consideramos adecuado un sistema de purificación de aire con filtros HEPA como recomenda o Centro Superior de Investigacións Científicas.

Como veriades nos medios de comunicación nos últimos días, a inspección educativa non está a dar autorización aos centros para a instalación destes dispositivos, nin sequera en centros onde a súa instalación foi aprobada en Consello escolar, e facéndose cargo do custo os pais. Isto xerou moita polémica, polo que nas últimas noticias publicadas pola Consellería de Educación, anuncian que nos próximos días os colexios recibirán un documento no que se incorporarán pautas para ventilar as aulas dunha maneira eficiente, permitindo a maior renovación posible do aire sen prexuízo do confort térmico e sen necesidade de ter as xanelas abertas toda a sesión.

Segundo as últimas informacións, o Comité Educativo galego especifica que os purificadores de aire "só poden utilizarse de maneira excepcional e complementaria. Os expertos sanitarios advirten que os purificadores con filtros HEPA non son suficientes por si mesmos e que só poden empregarse en todo caso como último recurso, de maneira complementaria, nunca substitutivo, e excepcionalmente. A súa utilización require dun informe técnico especializado, así como a súa autorización en coordinación coas directrices da autoridade sanitaria", sinalan desde a Consellería de Educación.

Desde a directiva do ANPA estaremos atentos ao que a Consellería comunique nos próximos días, pero entendemos que deberían ser eles os que deberían realizar un estudo técnico detallado e específico para cada colexio, no que se reflicta cales son as condicións que achega a ventilación natural en equilibrio cunha temperatura de confort nas aulas, e se é necesario ou non a instalación de purificadores.

Como non temos moitas esperanzas nas solucións que a Consellería nos poida proporcionar, nós seguiremos a traballar buscando información e asesorándonos. Co fin de poder organizarnos todos os pais do colexio para tomar decisións respecto diso, propoñemos o nomeamento dun interlocutor por aula para canalizar a información. Para iso, unha vez que cada aula elixise devandito interlocutor, deberá enviarnos por mail unha autorización para que sexa incluído nun grupo de Whatssapp xestionado polo ANPA, indicando o seu nome, teléfono e aula á que representa.

Quedamos á vosa disposición para suxerencias ou posibles aclaracións.

Aquí vos deixamos os documentos con toda a información: