
🤝Un trimestre que medra: Información, novidades e proxectos en marcha 📈
Prezadas familias:
✨Superado o primeiro mes de curso e co trimestre xa collendo velocidade, queremos compartir con todas, as novidades e proxectos que están a medrar neste trimestre. Facémolo con ilusión e coa certeza de que cada paso adiante é posible grazas á forza da comunidade educativa que formamos: colexio, ANPA e familias, todas e todos xuntos facendo escola 👨👩👧👦
🤸♀️ Actividades Extraescolares 🎶
Xa en marcha dende o 1 de outubro e formando parte do proxecto común que queremos seguir impulsando con forza e ilusión, con moi boa acollida por parte do alumnado participante. Non son só un tempo de lecer: son un espazo para descubrir, aprender, crear e convivir, onde cada neno e nena é protagonista. O noso obxectivo é que sigan medrando como un proxecto vivo, cheo de entusiasmo, aprendizaxes e novas experiencias compartidas. Toda a información ao respecto, organización actualizada e os grupos nos que aínda quedan prazas, na seguinte ligazón: Actividades extraescolares
🌈 Servizo de madrugadores e Necesidades Educativas ⚖️
De forma conxunta, colexio e ANPA volvemos reclamar á FEGAMP que se busque unha solución estable e xusta para garantir que o alumnado con Necesidades Educativas Especiais e Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEE/NEAE) poida acceder ao servizo de madrugadores en igualdade de condicións que o resto, con persoal de apoio específico financiado polas administracións, e non a cargo das familias nin da ANPA. Mentres tanto, e tal e como se aprobou na última asemblea ordinaria, a ANPA está a sufragar este servizo de maneira provisional, co compromiso de non deixar sen atención ás familias que o precisan, aínda que somos conscientes de que non é unha solución sostible no tempo.
🏗️ Obra do patio cuberto 🧱
O equipo directivo solicitou unha xuntanza co Concello para coñecer a folla de ruta e os prazos previstos desta obra tan necesaria. Manterémosvos informadas dos avances.
🤝 Grupos de colaboración 🌱
En novembro arrinca a organización dos grupos de colaboración deste curso. Son espazos abertos ás familias, onde cada achega suma e fai medrar o noso proxecto común. Animámosvos a participar enviando un correo á ANPA: a vosa implicación é clave para seguir construíndo unha escola máis participativa e comprometida.
📢Demanda de recursos e profesorado de apoio 🧩
Como sabedes, este curso iniciou cunha carencia importante de apoios educativos, o que dificulta tanto a atención individualizada do alumnado con Necesidades Educativas Especiais e Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEE/NEAE), como a organización xeral das aulas. Desde o centro reclamouse á Consellería de Educación que o profesorado actual ½ MEGA PT pase a tempo completo, así como a incorporación de outro MEGA con perfil PT/AL. A petición está pendente de resposta. Pola nosa parte, desde a ANPA, en coordinación coa dirección do colexio e co equipo de orientación, trasladamos estas demandas á Federación de ANPAs, para valorar calquera acción coordinada co resto dos centros en igual situación. Ademais, reactivamos o grupo de colaboración, coas familias interesadas en apoiar activamente a consecución destes recursos.
🙏 Grazas pola vosa atención e colaboración.
Agradecemos de corazón, coma sempre, a vosa participación e implicación. O que facemos desde a ANPA cobra sentido grazas ao apoio e a enerxía das familias que nos acompañades.
Un ano máis, superamos a barreira de familias asociadas, pero se aínda non o fixestes e queredes colaborar nesta aventura compartida, na seguinte ligazón atoparedes toda a información:
