📢 Aviso importante: 11 de Novembro Folga xeral

06.11.2026

Prezadas familias:

Ante a convocatoria de folga xeral para o vindeiro mércores 11 de novembro, dende a Xunta Directiva da ANPA queremos trasladarvos información sobre o funcionamento dos servizos que xestionamos en horario de 14:00 a 18:00 h. (comedor, a través de Jardanay, Agarda con Nós, e actividades extraescolares a través da Federación de ANPAs, Sonicreques e EdukaJudo).

Como é sabido, a Constitución recoñece a folga como un dereito fundamental, do mesmo xeito que garante o dereito a acudir ao posto de traballo a quen decida non secundala. Ao tratarse de servizos complementarios desenvolvidos fóra do horario lectivo, as entidades e empresas prestadoras non poden establecer servizos mínimos pola súa conta nin obrigar o persoal a cubrilos, a non ser que así o determine a autoridade competente nunha disposición oficial. A día de hoxe non hai ningunha comunicación neste sentido por parte da Consellería de Educación. En anteriores convocatorias, as actividades extraescolares non contaron con servizos mínimos. Así mesmo, o propio centro permanece á espera de que a Consellería publique a resolución de servizos mínimos aplicable ao horario lectivo.

Respectando a liberdade individual de cada persoa traballadora de secundar ou non a folga (decisión que, por lei, tampouco teñen a obriga de comunicar con antelación), as empresas prestadoras dos servizos non poden garantir con certeza o persoal dispoñible ata o propio día 11.

Por iso, coa vontade de ofrecer a información coa maior transparencia e anticipación posible, comunicámosvos o seguinte:

  • Posibles cancelacións e incidencias: É posible que o servizo de comedor, Agarda con Nós, ou algunha actividade extraescolar non se poidan desenvolver se o persoal adscrito secunda a folga. Cada persoa traballadora só pode atender un máximo de alumnado e tampouco é posible reestruturar persoal para suplir ausencias, polo que de non garantirse a seguridade do alumnado, non podería levarse a cabo.
  • Previsión por parte das familias: A confirmación de se unha actividade se realiza ou non só se saberá no propio momento do seu inicio (especialmente no paso do horario lectivo ao comedor ou ás extraescolares). Pedímosvos que contedes con esta posibilidade e teñades prevista unha alternativa de atención ou recollida dos vosos fillos e fillas por si fose necesario. Lembrade que o profesorado e o persoal educador de comedor e extraescolares só pode facer entrega do alumnado ás persoas autorizadas de recollida.

Agradecemos de antemán a vosa comprensión, paciencia e colaboración para adiantarnos a estas situacións e garantir entre todos a seguridade e o benestar dos nenos e nenas.

Se se produce calquera novidade ou actualización, informarémosvos á maior brevidade polas canles habituais.

Atentamente,

Xunta Directiva da ANPA RASA