Día de Ciencia na Rúa 2026: alumnado Ludiverso 4º a 6º de Primaria

24.04.2026

Prezadas familias:

🧪 Dende 1996, celébrase anualmente o Día da Ciencia na Rúa (DCR), posto en marcha pola Asociación de Amigos dos Museos e dende fai uns anos, organizado polos Museos Científicos da Coruña.

📅 Este ano terá lugar o sábado 9 de maio, nos Xardíns de Méndez Núñez, en horario de 11:00 a 19:00 h.

🔬 O obxectivo principal desta iniciativa é achegar a ciencia á cidadanía máis nova, a través de propostas nas que eles son os protagonistas: sacar a ciencia á rúa, divulgar o coñecemento científico e presentalo como un xogo ao alcance de todos.

🏕️ O Concello da Coruña, como entidade colaboradora, porá unha xaima ao dispor dos Programas de Lecer da Federación Provincial de ANPAs

👧🧒 Os escolares de 4º a 6º de Primaria do programa Ludiverso do CEIP Ramón de la Sagra, están convidados a participar no XXX DCR, para amosar e explicar algunhas das actividades e experimentos levados a cabo ao longo deste trimestre.

👨‍👩‍👧 A participación realizarase acompañados polos seus pais e nais ata o espazo da actividade. Unha vez alí, estarán a cargo das educadoras e educadores da Federación. Finalizada a actividade, os pais e nais deberán recollelos no mesmo lugar. O horario de participación será de 11:30 a 13:00 h.

📝 Para poder participar deberase entregar a autorización debidamente cuberta ás educadoras da actividade antes do martes 5 de maio.

🌌 As actividades ou propostas didácticas que se amosarán xirarán en torno á temática que leva por título: Un Paseo Polo Cosmos.

✨ A Astronomía será o eixo para espertar o interese e a curiosidade da rapazada mediante a experimentación e actividades sinxelas. Crearase un espazo para xogar a propoñer interrogantes sobre:

  • 🌠 Rincón de corpos celestes: tipos, movementos, constelacións e outros elementos que compoñen o Universo.
  • 🌙 Rincón da influencia da Natureza: fases da lúa, marea, día e noite, estacións, clima e relación coa Astroloxía.
  • 🚀 Rincón de descubrimentos e científicas/os destacados: avances científicos, novos descubrimentos, aplicacións reais e figuras relevantes da astronomía e exploración espacial.

🌍 Animamos ás familias a participar, a ciencia na rúa é para compartir.

Un saúdo.