Datas importantes e banco de préstamo de libros da ANPA

04.09.2023

Prezadas familias:

Nunha semana dará comezo un novo curso escolar. Agardamos con ansia o inicio dun curso cheo de aprendizaxe e crecemento para os nosos nenos e nenas. Desexamos que todos e todas tiverades un verán marabilloso, cheo de momentos especiais cos vosos seres queridos.

Esta nova publicación é para lembrarvos que é importante prestar atención a todas as novidades e comunicacións que se compartirán a través da páxina web do colexio, desta páxina da ANPA e das nosas redes sociais. Aquí encontraredes toda a información e datas sobre eventos, xuntanzas, inscricións, actividades, noticias relevantes e moito máis.

Neste sentido, queremos destacar xa as seguintes datas importantes:

  • Inscrición Cóxegas: ata o martes 5 de setembro. Máis información: Cóxegas
  • Xornada de presentación/portas abertas do espazo de comedor: venres 8 de setembro de 17:00 a 18:00 horas. Dirixida a novas familias usuarias do servizo de comedor, na que se presentará o equipo de educadoras e educadores do servizo, para que os nenos e nenas podan coñecer ás persoas coas que van compartir o importante momento do xantar. Tamén se dará resposta ás dúbidas que teñan as familias sobre o funcionamento deste servizo.
  • Xuntanzas de comezo de curso de Educación Infantil: Publicadas na web do centro na ligazón https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipramonsagra/?q=node/440, terán lugar na biblioteca no seguinte horario:
  • 4º Educación Infantil: Mércores 6 de setembro ás 11:30 h.
  • 5º Educación Infantil: Xoves 7 de setembro ás 10:00 h.
  • 6º Educación Infantil: Xoves 7 de setembro ás 12:00 h.
  • Comezo das clases: luns 11 de setembro.
  • Xuntanza de Actividades Extraescolares: luns 11 de setembro de 16:30 a 18:30 horas, na biblioteca. Contaremos coa presenza dos técnicos da Federación de ANPAs e cos responsables das outras empresas que impartirán as actividades, entre eles, Cimega, que nos explicará o formato do curso de mediación escolar que terá lugar durante este curso.

Ademais, queremos facer mención especial sobre os libros de texto do banco de préstamo da ANPA e lembrar que dende hoxe temos aberto novamente o formulario de reserva dos libros, para todas aquelas familias que non o fixesen a tempo ou non puidesen consultar a lista de libros concedidos polo fondoLibros da Xunta. As familias que xa o fixerades antes do 31 de xullo, recibistes un correo de confirmación da reserva dos vosos libros e non tedes que facer nada máis. O resto, aproveitade esta oportunidade o antes posible para que poidamos asegurarnos de ter listo todo para o comezo das clases e facilitar o proceso de organización e entrega dos libros. Tede en conta que poderá haber retrasos na entrega dos mesmos. Toda a información aquí:

Queremos agradecervos enormemente a desbordante alta e renovación de familias socias para este novo curso. Unha comunidade educativa forte e unida só pode ser posible co apoio e colaboración de todos e todas. Aproveitade agora para facelo, se ainda non tivestes ocasión, e non perdades as nosas comunicacións tamén no correo que nos indiquedes na alta. Lembrade que só podemos enviar comunicacións por mail a todas as familias que renoven a súa condición de socias durante cada curso. Tedes toda a información para facelo na seguinte ligazón:

Se tedes algunha pregunta ou precisades máis información sobre este ou outros temas, non dubidedes en poñervos en contacto con nós a través das nosas canles de comunicación (teléfono, formulario de contacto da web, mail e RRSS).

Desexámosvos unha boa semana de fin das vacacións e, sen dúbida, de planificación deste novo curso que xa arranca. 

Vémonos pronto!