#barrioverde #votapatiodoramon

18.11.2022

Prezadas familias,

Dende hoxe e ata o 30 de novembro temos unha oportunidade histórica para o presente e o futuro do noso cole. O reto que temos por diante é acadar o número máximo de votos para o proxecto do noso patio, na votación final dos Orzamentos Participativos. Só podemos logralo coa máxima implicación de todas as familias e de toda a comunidade educativa. Temos o convencimento de que vai ser así.

  • Como podemos conseguilo?

Precisamos que votedes todos os membros de cada familia, pero iso non abonda. Nesta ocasión vai ser necesario compartir, que pidades o voto a amigos e amigas, xente coñecida, veciños e veciñas, do voso barrio e tamén de calquera outro barrio da Coruña. Axudade a aqueles que non saiban, non deixedes que quede ninguén sen votar. Só así o lograremos!

  • Que nos xogamos?

A remodelación integral do patio depende de gañar esta votación. Temos que ser a proposta máis votada do distrito 7. Calquera outro resultado deixaríanos sen esta inversión imprescindible para facer do noso patio un entorno máis humano, máis verde, máis inclusivo, máis enriquecedor, máis amigable,... o patio que os nosos nenos e nenas merecen.

  • Como se vota?

A través da web https://bit.ly/votacionfinal ou de maneira física en urnas, a disposición da cidadanía en diferentes puntos da cidade. Chamádenos ao teléfono da ANPA ou enviádenos un mail en caso de dúbidas, preguntade ás familias, ás mestras,... Coa colaboración de todos e todas podemos conseguilo.

  • E agora que?

Agora é o momento. Iniciamos uns días de ilusión nos que sabemos que ides participar con entusiasmo e compromiso pleno. Imos facer ruido, temos que facernos virais e poñemos en marcha varias iniciativas para acadalo. Lembrade enviarnos o voso vídeo familiar por Whatsapp ao teléfono 615 512 306, pedindo o voto. Lembrade os cancelos #barrioverde #votapatiodoramon e sacade a vosa imaxinación e creatividade. Con todos os vídeos recibidos ata o sábado 19 de novembro faremos unha videomontaxe que despois compartiremos.

Dende o cole, as mestras xa están a traballar cos nenos e nenas en numerosas actividades que os convirten en protagonistas desta obra, para que sintan esta transformación como algo propio, para que arrastren aos vosos fogares esa ilusión e esas ganas de acadar algo marabilloso no seu colexio. Farémolo posible!

#barrioverde #votapatiodoramon